CURSO 2022-2023

A HISTORIA ENTRE COSTURAS

…desde tempos remotos as mulleres contaron historias, cantaron romances e enfiaron versos ao amor da fogueira. Ao longo dos tempos, foron sobre todo as mulleres as encargadas de deslear na noite a memoria dos contos. Foron as tecedoras de relatos e retallos. (…) Por iso textos e tecidos comparten tantas palabras: a trama do relato, o nó do argumento, o fío da historia, o desenlace da narración; enrolarse os miolos, bordar un discurso, fiar fino, urdir unha intriga. Por iso os vellos mitos fálannos da tea de Penélope, das túnicas de Nausícaa, dos bordados de Aracne, do fío de Ariadna, da febra da vida que fiaban as moiras, do lenzo dos destinos que cosían as nortas, do tapiz máxico de Sherezade.
O infinito nun xunco. Irene Vallejo. Siruela.


Proposta da Biblioteca da Escola para a comunidade educativa

O PDI que imos desenvolver durante este curso 2022-2023 leva por título “A historia entre costuras”.

Este proxecto parte da biblioteca escolar e involucra a todos os niveis educativos e departamentos das diversas materias e, en xeral, a toda a comunidade educativa; sendo obxecto de estudo e investigación, os tecidos e a súa composición, os complementos, os diversos oficios relacionados coa costura, a sostenibilidade da industria téxtil, a evolución da indumentaria, e mesmo da moda, a través das distintas épocas.


Obxectivos do proxecto

  • Conseguir que o alumnado coñeza a evolución da indumentaria ao longo da historia.
  • Aprender sobre a vestimenta en tempos pasados. 
  • Descubrir a relación entre moda e publicidade (televisión, internet, redes sociais..)
  • Valorar a influencia da moda na xente nova.
  • Analizar o papel dos influencers nas persoas.
  • Reflexionar como a industria téxtil pode contribuír a restablecer ou recuperar a contorna, a segunda man e a reciclaxe, novos tecidos e materiais
  • Descubrir o  impacto sobre a urbanización das cidades.
  • Analizar os cambios nas relacións sociais derivados da evolución da compra no xastre/a, na tenda, no centro comercial ata a compra a través da Internet.
  • Contribuír ao desenvolvemento das competencias básicas a través dun centro de interese tan motivador como a moda e os complementos.
  • Fomentar a curiosidade polos oficios que xiran en torno á industria  téxtil.
  • Reflexionar sobre a necesidade de manter condutas sostibles: tecidos naturais, ser consciente do impacto da produción téxtil na contaminación das augas do planeta…
  • Comprender o que sucede nos distintos puntos da cadea de confección das prendas que vestimos, que hai detrás da deslocalización das fábricas téxtiles e como viven as persoas que fabricaron a nosa roupa antes de chegar a nós.
  • Comprender os aspectos socioculturais relacionados co mundo da moda. 
  • Coñecer diferentes formas de vestimentas nas distintas culturas.

CURSO 2021-2022

ALÉN DO AZUL

Durante o curso 2021-2022 Colexio Andersen mergúllase nun novo PDI titulado Alén do azul, baseado no libro que leva este título de Sara Carrasco e Silvia Iglesias, editorial Catroventos, para que toda a comunidade educativa participe dunha viaxe que nos permita coñecer as paisaxes e seres dun mundo acuático ameazado polos impactos do cambio climático e a contaminación.